mércores, 12 de febreiro de 2014

A modelo descalza


Nesta obra de Jordi Sierra i Fabra abórdanse asuntos que fan pensar: a tiranía da imaxe perfecta, os trastornos alimentarios consecuentes, o desamor e as complicacións da vida sentimental, entre outros. O protagonista, tras unha longa viaxe, ve na televisión a unha antiga moza súa, hoxe top model, acusada do asasinato da súa actual parella. Todo indica que é culpable. El vai ter que demostrar a súa inocencia.


O tema resultou interesante, e comentamos, que este mesmo escritor xa escribira outro libro sobre a mesma temática, a moda: Las Chicas de Alambre. 

Vémonos o día 10 de marzo para comentalo. 

O crocodilo namorado

Ao achegarse estas datas tan sinaladas para o amor, a historia de amor deste crocodilo, dá un paseo por distintas páxinas de bibliotecas, das que vos deixamos o enlace:










martes, 11 de febreiro de 2014

Cando casan os paxariños

Xa nos tardaba o mes de febreiro coa súa temática: "Animalarium". E é que non hai nada como un conto cheo de animais contado en boa compañía... e cando a protagonista é unha “Mosca Chosca" (de Eva Mejuto, Kalandraka) entón non nos atrevemos nin a pestanexar, non vaia ser que nos perdamos algún dous sete convidados...

Nesta ocasión, Xiana, Uxía e a súa nai foron a nosa familia de contacontos. Aquí podémolas ver todas xuntiñas, que así dá máis calorciño:


E como no noso cole se respira moito amor por todos os cantos, os nenos e nenas de 3 aniños sorprendéronnos narrando a historia: "Crocodilo namorado".



Pero isto non rematou aquí. Como sempre, ademais de gozar da lectura en voz alta, gústanos dar renda solta á nosa imaxinación. Así que, con tanto animal e cos carnavais á volta da esquina ¿quen se podía resistir?!... fixemos nosas propias caretas de animais e ben chulas que nos quedaron...


luns, 10 de febreiro de 2014

Día da Candeloria


OLA FAMILIA DE CONTACONTOS:

Xa estamos en febreiro, o mes do amor e no que "Os PaXaRiÑoS CaSaN" (día da Candeloria)... aínda que con este tempo non sabemos se asomarán o seu pico por Mondariz!

Así que para celebralo, que vos parece un bo surtido de historias sobre animais? 

Recordade a nosa cita de contacontos: o luns 10 de febreiro en sesión de tarde (16:30). E despois daremos renda solta á imaxinación e faremos caretas dos nosos animais preferidos.

Fai falla traer algo? non, desta vez estamos ben surtidos!


NON FALTEDES Á CITA! 


venres, 7 de febreiro de 2014

Comentamos La Cena


O club de lectura de adultos do CPI de Mondariz, formado por nais, pais e profesorado do centro reuniuse na cafetería Gonixul para celebrar a súa primeira “andaina” de tertulias e comentar La cena, de Herman Koch.


O libro presenta unha  estrutura narrativa orixinal e que lle dá nome ao título pois todos os feitos se desenvolven ao redor dunha cea e as partes da novela veñen ditaminadas polo aperitivo, os entrantes, o segundo prato, as sobremesas, a dixestión e a propina. Cada unha das partes está introducida por unha detallada descrición dos pratos nas que o autor fai alarde dun enxeñoso sarcasmo cara os restaurantes de “postureo e falso-luxo” así coma unha crítica da sociedade actual na que se ven retratadas as relacións de pais e nais cos fillos, a clase social acomodada, a política, etc. Inda que o marco da acción se sitúa nos Países Baixos, a crítica é extensible a toda Europa.

martes, 4 de febreiro de 2014

A cabalo entre Zezé e Os Megatoxos

O vídeo que fixemos para promocionar o libro A miña planta de laranxa lima, non precisa de presentación. Esperamos que vos guste.


E... comezamos novo libro, cambiando totalmente de xénero. Esta vez, unha novela fantástica de aventuras.