O club de lectura de adultos do CPI de
Mondariz, formado por nais, pais e profesorado do centro reuniuse na cafetería
Gonixul para celebrar a súa primeira “andaina” de tertulias e comentar La cena, de Herman Koch.
O libro presenta
unha estrutura narrativa orixinal e que
lle dá nome ao título pois todos os feitos se desenvolven ao redor dunha cea e
as partes da novela veñen ditaminadas polo aperitivo, os entrantes, o segundo
prato, as sobremesas, a dixestión e a propina. Cada unha das partes está introducida
por unha detallada descrición dos pratos nas que o autor fai alarde dun
enxeñoso sarcasmo cara os restaurantes de “postureo e falso-luxo” así coma unha
crítica da sociedade actual na que se ven retratadas as relacións de pais e
nais cos fillos, a clase social acomodada, a política, etc. Inda que o marco da
acción se sitúa nos Países Baixos, a crítica é extensible a toda Europa.
A novela está narrada
en primeira persoa por un dos personaxes protagonistas, Paul; un profesor de
Historia en baixa laboral por enfermidade que ao longo da novela semella ser unha
persoa completamente diferente e que consegue enganar o lector case ata o
final. Na cea Paul está acompañado pola súa muller Claire, outro personaxe que
vai despistar moito o lector; o seu irmán Serge, un destacado político holandés
que aspira á presidencia do país; e a muller deste, Babette.
A historia que se
nos retrata na obra é dura e moi cruel, asistimos a un violento suceso que
protagonizan uns adolescentes fillos das parellas que se atopan á mesa e que
nos levan a formular grandes preguntas: Ata onde se pode chegar polo amor a un
fillo? Onde están os límites? O fin xustifica os medios?
Para deixar bo sabor de boca, María tróuxonos un recorte de xornal que atopou no que se relata precisamente o feito contrario do que acontece no libro: rapaces que, neste inverno, repartiron chocolate e compaña ás persoas que durmen nos caixeiros. Deixámosvos o enlace dos artigos.
E se aínda seguides con ganas de ler máis deste autor e coñecer a sociedade holandesa, que non deixa de ser unha mostra da europea, recomendámosvos outro título, se cabe aínda máis controvertido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario